
As investigadoras Nuria Pedrol, Carolina González Puig e María Pardo-Muras, do grupo Agrobioloxía Ambiental: Calidade, solos e plantas, acaban de obter a patente dun herbicida 100% natural de orixe biolóxica que ofrece unha alternativa aos produtos sintéticos que hai no mercado. A súa invención baséase no coñecemento do fenómeno natural da alelopatía, centrándose no efecto que exerce unha planta sobre outra a través da liberación de substancias bioactivas na súa contorna (aleloquímicos), e que ten utilidade para o control das malas herbas. A patente, que xa foi concedida á Universidade de Vigo pola OEPM (Oficina Española de Patentes e Marcas), supón unha solución sostible, duradeira, selectiva e efectiva que podería chegar a empregarse en produción ecolóxica e representar un avance inédito tanto en agricultura como no aproveitamento de recursos naturais e subprodutos nunha estratexia de economía circular.
O herbicida está composto unicamente por biomasa de eucalipto, xesta e mentraste, tanto en forma triturada como en forma de pélets e ten utilidade tanto no sector agrícola (campos de cultivo, viveiros, invernadoiros, etc.) como noutros espazos nos que sexa necesario o control da flora arvense, como parques e xardíns, vías públicas, espazos verdes urbanos, etc. Como explica a profesora Nuria Pedrol, o herbicida está “composto unicamente por material vexetal a distintas proporcións e non require máis procesado que a densificación en formato pélet, para aforrar volume e facilitar a súa aplicación. Non precisa adxuvantes nin estabilizantes e os propios tecidos das plantas proporcionan o encapsulado natural dos compostos bioactivos que permiten a súa liberación paulatina a medida que o pélet perde densidade e o material vaise descompoñendo no solo”. Polo tanto, e dado que este produto ten efecto sobre a xerminación e o crecemento das especies arvenses pero sen afectar á maioría dos cultivos ensaiados, preséntase como unha alternativa natural e sostible aos herbicidas sintéticos, algúns deles xa retirados do mercado e outros con data límite de uso, debido ao recoñecemento do dano que producen ao medio ambiente e á saúde. Ademais, ante a “alarmante proliferación de malas herbas resistentes” aos herbicidas convencionais, este novo produto ofrece unha base de funcionamento completamente distinta e innovadora, que como adianta a investigadora, xa recibiu “varias expresións de interese”.

O río Tins, no concello de Outes, será o primeiro do Estado ao que se lle recoñezan os seus dereitos como elemento natural. Este fito enmárcase dentro da iniciativa ReNatur Outes, un ambicioso proxecto de recuperación, renaturalización e integración do Tins ao seu paso polo núcleo urbano deste concello coruñés. Subvencionado cun millón de euros pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia -fondos Next Generation-, no proxecto participan as tres universidades públicas galegas, o Centro de Estudos Eurorrexionais de Galicia e norte de Portugal, CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal), o Concello de Outes, que lidera o proxecto, e a Fundación Montescola.
Tras un ano de traballo, os socios reuniranse o vindeiro 15 de decembro para debater a Declaración de Dereitos do río Tins nun evento aberto ao público para darlle voz á veciñanza e ao tecido asociativo local, converténdoo en parceiro das estratexias de conservación e mellora do espazo fluvial. Esta será a primeira vez que desde un concello se recoñezan os dereitos dun elemento natural, dotándoo dunha carta na que se recoñecen desde o dereito a non ser contaminado ou danado por actividades humanas ata o dereito á protección e conservación. A proposta de declaración tamén recolle os compromisos da veciñanza das ribeiras do Tins así como das súas institucións, incluíndo os de actuar en caso de calquera violación dos dereitos do río e a participar na súa conservación e mellora.

Desenvolver e implantar estratexias agroecolóxicas para previr e manexar as malas herbas, sen o uso de herbicidas sintéticos, en ata 30 cultivos de relevancia económica nas once rexións bioxeográficas europeas. Con este obxectivo acaba de arrancar o proxecto europeo liderado pola Universidade de Vigo Agrosus. Durante catro anos, socios de dez países traballarán na conversión de sistemas agrícolas convencionais en sistemas agroecolóxicos desde unha perspectiva local.
O proxecto, chamado Agroecological strategies for sustainable weed management in key european crops, arrancou este mes de xuño e prologarase ata 2027. Conta cun orzamento de case cinco millóns de euros, dos cales case 310.000 euros proceden do goberno húngaro e case 4,7 millóns da Comisión Europea, a través da convocatoria de Horizonte Europa Agroecological strategies for sustainable weed management. O financiamento para a UVigo ascende a 926.625 euros. En Agrosus participa un consorcio de 16 socios de dez países (España, Portugal, Italia, Alemaña, Polonia, Ucraína, Romanía, Hungría, Turquía e Islandia) cun perfil moi diverso, desde universidades e empresas ata asociacións de agricultores.