O río Tins, no concello de Outes, será o primeiro do Estado ao que se lle recoñezan os seus dereitos como elemento natural. Este fito enmárcase dentro da iniciativa ReNatur Outes, un ambicioso proxecto de recuperación, renaturalización e integración do Tins ao seu paso polo núcleo urbano deste concello coruñés. Subvencionado cun millón de euros pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia -fondos Next Generation-, no proxecto participan as tres universidades públicas galegas, o Centro de Estudos Eurorrexionais de Galicia e norte de Portugal, CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal), o Concello de Outes, que lidera o proxecto, e a Fundación Montescola.
Tras un ano de traballo, os socios reuniranse o vindeiro 15 de decembro para debater a Declaración de Dereitos do río Tins nun evento aberto ao público para darlle voz á veciñanza e ao tecido asociativo local, converténdoo en parceiro das estratexias de conservación e mellora do espazo fluvial. Esta será a primeira vez que desde un concello se recoñezan os dereitos dun elemento natural, dotándoo dunha carta na que se recoñecen desde o dereito a non ser contaminado ou danado por actividades humanas ata o dereito á protección e conservación. A proposta de declaración tamén recolle os compromisos da veciñanza das ribeiras do Tins así como das súas institucións, incluíndo os de actuar en caso de calquera violación dos dereitos do río e a participar na súa conservación e mellora.