As investigadoras Nuria Pedrol, Carolina González Puig e María Pardo-Muras, do grupo Agrobioloxía Ambiental: Calidade, solos e plantas, acaban de obter a patente dun herbicida 100% natural de orixe biolóxica que ofrece unha alternativa aos produtos sintéticos que hai no mercado. A súa invención baséase no coñecemento do fenómeno natural da alelopatía, centrándose no efecto que exerce unha planta sobre outra a través da liberación de substancias bioactivas na súa contorna (aleloquímicos), e que ten utilidade para o control das malas herbas. A patente, que xa foi concedida á Universidade de Vigo pola OEPM (Oficina Española de Patentes e Marcas), supón unha solución sostible, duradeira, selectiva e efectiva que podería chegar a empregarse en produción ecolóxica e representar un avance inédito tanto en agricultura como no aproveitamento de recursos naturais e subprodutos nunha estratexia de economía circular.
O herbicida está composto unicamente por biomasa de eucalipto, xesta e mentraste, tanto en forma triturada como en forma de pélets e ten utilidade tanto no sector agrícola (campos de cultivo, viveiros, invernadoiros, etc.) como noutros espazos nos que sexa necesario o control da flora arvense, como parques e xardíns, vías públicas, espazos verdes urbanos, etc. Como explica a profesora Nuria Pedrol, o herbicida está “composto unicamente por material vexetal a distintas proporcións e non require máis procesado que a densificación en formato pélet, para aforrar volume e facilitar a súa aplicación. Non precisa adxuvantes nin estabilizantes e os propios tecidos das plantas proporcionan o encapsulado natural dos compostos bioactivos que permiten a súa liberación paulatina a medida que o pélet perde densidade e o material vaise descompoñendo no solo”. Polo tanto, e dado que este produto ten efecto sobre a xerminación e o crecemento das especies arvenses pero sen afectar á maioría dos cultivos ensaiados, preséntase como unha alternativa natural e sostible aos herbicidas sintéticos, algúns deles xa retirados do mercado e outros con data límite de uso, debido ao recoñecemento do dano que producen ao medio ambiente e á saúde. Ademais, ante a “alarmante proliferación de malas herbas resistentes” aos herbicidas convencionais, este novo produto ofrece unha base de funcionamento completamente distinta e innovadora, que como adianta a investigadora, xa recibiu “varias expresións de interese”.