“A malherboloxía debe potenciar a súa presenza na sociedade porque, non só conta con profesionais de referencia a nivel internacional, senón que tamén ten gran parte das respostas e das claves de investigación e desenvolvemento para un dos maiores retos da humanidade: alimentar unha multitude cada vez máis numerosa con menos ferramentas e facelo nun contexto de cambio climático e de xeito máis sostible”. Así de contundente se amosou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, durante a xornada inaugural do XVII Congreso de la Sociedad Española de Malherbología, SEMh 2019, un evento que durante tres días reúne na sede de Afundación en Vigo máis de 100 especialistas nesta ciencia que estuda a bioloxía e o manexo das malezas ou malas herbas, un dos problemas máis urxentes na agricultura moderna e unha das chaves na conservación da biodiversidade e dos espazos naturais e no control de especies invasoras.
Organizado polo grupo de investigación da Universidade de Vigo Agrobioloxía ambiental: calidade de solos e plantas, membro da Agrupación Estratéxica Citaca, en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), o reitor quixo aproveitar a súa presenza no congreso para agradecer que a Sociedade Española de Malherboloxía elixira Vigo para acoller un congreso “que recordaredes sempre polo fluxo de coñecemento, polas relacións de futuro que estableceredes e polos novos proxectos nacionais e internacionais que vos pode traer”.